A Banda

O Sonoro Maxín é unha banda xurdida en Ourense no verán de 2007 na xuntanza de músicos dos grupos Lamatumbá e Cinnamon Gum.

Estréanse en Ourense, a súa cidade natal, o 30 de decembro e percorren durante o 2008, 2009 e 2010 toda a xeografía galega con máis de 150 concertos nos que puideron compartir escenario con grupos como Manu Chao & Radio Bemba Sound System, Shantel & Bucovina Club Orkestar, Tonino Carotone, Los Delinqüentes, La Troba Kung-Fú ou Che Sudaka. Despiden o 2010 cunha xira por Portugal que os levou desde a setentrional Chaves ata a meridional Tavira pasando por Amarante ou Péso da Regua. No 2011 dedícanse completamente á preparación e gravación do seu primeiro disco “A onda sonora (chega do interior)”, nos Garate Studios (Euzkadi), contando coa produción de Kaki Arkarazo e o deseño de David Rubín. O disco sae á luz en abril de 2012. Froito da presentación do álbum, en 2013 realizan unha xira polo norte de Alemaña, chegando a tocar en Hamburgo e Kiel, onde compartiron escenario co músico francés Syrano. No 2014 son o grupo galego convidado ao Mercat de Música Viva de Vic (Cataluña). A finais de 2016 comezan a gravar o seu novo álbum de estudio “Sete e dezasete”, producido polo músico e produtor catalán Marià Roch.

O Sonoro Maxín é o único grupo galego que centra o seu repertorio nos ritmos latinos de verbena, acuñando e empregando nos seus concertos o termo “Galicia Tropical”.